sábado, 25 de julio de 2015

Reflexión sobre o Módulo 1 (Marco Conceptual).- Alexandre Penas Roibás



Tratase dunha reflexión; abordareina, polo tanto, como tal, de xeito persoal, conscientemente subxectiva, mais que cun resumo dos contidos impartidos.

A importancia do Marco conceptual 
O marco conceptual é a base sobre a cal en calquera disciplina construímos e entendemos a práctica da mesma. No tema que nos ocupa, a orientación laboral, como en todas as profesións que implica un traballo directo coas persoas coido que é se cabe mais fundamental. A credibilidade do Orientador co usuario é clave no proceso, polo que temos a obriga de ter un amplo coñecemento de moitos temas: lexislación (laboral, administrativa, etc.), comportamento das ocupacións, novos xacementos de emprego, os perfís profesionais, as axudas ao emprego e autoemprego, a formación en todas as súas formas, etc.



Ao fío do indicado e por propia experiencia profesional o ubicar ao demandante, e saber transmitir,  nun primeiro contacto con el/ela o “onde está” e o “por que está”: (oficina de emprego, centro colaborador), de quen depende o mesmo (administración/s), quen financia estes servizos e con que finalidade, cal é o seu papel como cidadán e que dereitos e deberes ten, etc facilita e aclara todo o proceso a posteriori. De ahí, ao meu modo de ver, a importancia do Tema 1 deste Marco Conceptual.

Opinións sobre os diferentes apartados

No tema segundo, adicado ao Mercado Laboral, atopei claves moi interesantes onde profundizar no proceso de orientación nos diferentes perfís cos que se traballará a diario no proceso profesional. Por un lado para ter esa visión mais global e por outro o poder programar accións grupais máis produtivas cos/as orientados/as (por perfís de búsqueda de emprego, por territorio, etc.). Especialmente gustaríame ampliar o coñecemento da prospección do mercado de traballo, na súa metodoloxía aplicada, polo que dende aquí fago propósito público de estudar este tema.

A certificación e formación profesional é un tema polo que teño tido interese hai anos, persoal e profesional, e o certo é que as dúas magnificas poñentes deste Posgrao fixeron que este interese se incrementara. Moito que aprender profesionalmente e coido que, no tema das acreditacións, facéndose con rigor e seriedade, trátase dun camiño acertado socialmente. 

Ter unha panorámica das diferentes liñas da implementación das políticas europeas na nosa realidade laboral e formativa resulta de utilidade. De tódolos xeitos, neste tema o que mais me interesaría sería como acadar financiación para implementar proxectos sociais e laborais a niveis locais, tema que se tocou (con lóxica pola restricción que impón o tempo) de pasada. Moi útil, asemade, para o proceso de orientación, os recursos, programas, aprendidos de formación e emprego europeos.

O tema que a priori máis “medo” me metía era todo o relacionado co asesoramento de iniciativas emprendedoras. Confesarei que pronto este medo se converteu en curiosidade. Gustoume como se explicou e como se foron introducindo os diferentes conceptos. Fíxose sen pretensións de formar grandes expertos en promover proxectos emprendedores de éxito, enfocándose en aprender que ferramentas hai que tocar, que preguntas temos que promover que se fagan as persoas con interese no emprendemento, como axudar a pensar.  Concordo co enfoque.


Conclusións finais e moi persoais
Ao comezo do Posgrao consideraba excesiva a carga en competencias dixitais por non ver nada claro que puideran ter tanto peso na práctica profesional. Pensaba esto sen ter ningún prexucio persoal, mais ben todo o contrario. Estou cambiando de opinión, xa vexo certa luz, pero resérvome a miña opinión definitiva para outubro.

Non confío na eficacia de moitas das reformas económicas e laborais dos últimos tempos para mellorar a calidade de vida e o benestar social. Neste módulo estudamos diferentes medidas que se están a implementar (modificacións normativas laborais, axudas para a flexibilización das condicións laborais, etc.), que penso debemos coñecer e informar coa máxima rigorisidade. O que considero contraproducente no proceso orientador é sumarse ao optimismo de que moitas destas medidas serán a panacea para o orientado. É preciso explicar as reglas do xogo, saber elixir o mellor itinerario ou estratexia de búsqueda ou mellora de emprego, e para eso hai que tender a obxectivizar a realidade. Forma parte, ao meu entender, da construcción da confianza necesaria entre orientador / orientado.

Por último creo que sería bo un maior coñecemento por parte dos/as Orientadores/as Laborais sobre o Sistema de Servizos Sociais (axudas, programas, etc.). Os profesionais dos servizos sociais levan moitos anos dirixindo e promovendo programas de inclusión social, conciliación laboral e persoal, igualdade de xénero, dereitos de persoas con diversidade funcional, etc. Traballan en todas as administracións con especial incidencia nos concellos, tendo Galicia a exclusividade competencial exercida pola Xunta. A coordinación e complicidade entre os Servizos de Emprego e os Sociais coido mellora cualitativa e cuantitativamente o éxito dos diferentes programas.

Enlaces de interese:

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada